03/06/10

A PRAIA DOS AFOGADOS


Antón Muíña de 1º de Bach. recoméndanos hoxe a lectura de A praia dos afogados.

"Na miña opinión este é un libro fantástico que recomendo ler a todo o mundo. Nun principio aparenta ser longo e aburrido, pero nada máis lonxe da realidade, xa que cando comezas a lelo engánchate.

A praia dos afogados conta a historia dun vello mariñeiro que aparece morto na praia de Panxón (cidade galega igual que o resto de lugares onde transcorre a obra) e do que todos, tendo en conta o seu pasado e a súa actual situación, sospeitan que se suicidou. Pero as cousas non sempre son o que aparentan, e a historia comeza a complicarse, gardando sempre unha intriga que che incita a seguir lendo, buscando sospeitosos, descartando outros sospeitosos... e vendo as voltas que teñen que dar os inspectores para resolver un coaso que resultará ser moi complicado e emocionante."

18/12/09

INTRAMUNDI

Os alumnos de 2º de Bach. leron este trimestre INTRAMUNDI de Carlos G. Reigosa e fálannos sobre ela. Aquí tedes algunhas opinións:
Paula de 2º A conta que "se trata dun libro moi ben documentado e traballado por parte do autor, que se vale das súas personaxes para ir describindo a situación das diferentes clases sociais e dos diferentes bandos, republicano e falanxista, na Galicia do s. XX, tanto na preguerra como na posguerra.
Trata a evolución da vida dos habitantes de Tras da Corda, subdividíndoa en diferentes capítulos, cada un centrado nunha etapa en concreto (ditadura de Primo de Rivera, finais da II República e estoupido da guerra civil, posguerra con forte represión e, finalmente, a derradeira etapa do réxime franquista). Ao mesmo tempo o autor trata outros aspectos temáticos ademais do realista e histórico, incorporando elementos esotéricos, crenzas e supersticións.
Paréceme un libro en xeral doado de ler, que nos achega a esta época e que ao mesmo tempo inclúe datos sobre autores e persoeiros do momento, aínda que ás veces pode resultar algo pesado cando fai alusións a discusións políticas ou liante cando dá saltos temporais para contar outras accións do pasado das personaxes."
Sebastián de 2º A di: "Carlos Reigosa narra dunha maneira doada de entender que te leva a introducirte na historia de cheo, polo menos eu metínme dentro de Anxo e Saúl e compartía todos os seus ideais.
A obra gustoume moito pola súa estrutura e polos temas que trata: lévanos a través de gran parte da historia do s. XX en Galicia, amósanos e introdúcenos a súa opinión no libro, distinguindo entre personaxes "bos" e "malos" que se van enfrontando constantemente en todo o libro nas diferentes épocas.
Persoalmente gustoume moito o 3º capítulo por riba dos demais, xa que narra a historia como se fose unha novela policíaca, e o tema do que trata pareceume o máis interesante e intrigante de todos.
Saúl pareceume un personaxe moi interesante que busca a liberdade nas guerrillas, todo o contrario de Anxo, que desexa a liberdade pero é unha persoa máis paciente, que busca o desenvolvemento para a súa vila á súa maneira.
En conclusión, gustoume moito o libro por tres características fundamentais: a súa estrutura; o carácter, a intensidade e a forza dos personaxes e a súa historia,na que vai narrando as diferentes etapas da historia de Galicia."
Xaime de 2º A dinos o seguinte: "Este é un libro do que o autor pode sentirse orgulloso. Consta dunha base moi ben estruturada onde se ve con claridade como van evolucionando psicoloxicamente os personaxes e como loitan por progresar, vense moi ben diferenciadas as distintas clases e bandos (republicanos e falanxistas)..."
"Entre a acción principal vai metendo pequenas accións secundarias que fan referencia a temas históricos, ás supersticións da xente, etc..."
"Ao principio custa empezar a lelo pero logo engancha bastante, ademais de que resume todo o acontecido practicamente nos dous primeiros terzos do século XX en Galicia."
Mauricio de 2º A considera que Intramundi "é un libro un pouco difícil de ler, xa que hai moitos momentos nos que se nos contan varias historias de forma paralela, o que fai que un se perda con facilidade nalgúns casos. Non obstante, atopeino certamente interesante, xa que a situación política e social da época aparece moi ben representada. É sinxelo aprezar os contrastes entre a xente formada ou cunha forte ideoloxía e a xente do común, que vive a súa rutina con moitas menos preocupacións.
Tamén se nota bastante que o autor fixo un esforzo por retratar o pobo, a situación da época, etc... ata o máis mínimo detalle.
Gustaríame resaltar os capítulos 2 e 3, quizais os que se me fixeron máis pesados de ler, xa que trataban moito o tema da política. Inda así non estaban de todo mal, e quizais o que máis me interesou foi a historia de Saúl.
Concluirei dicindo que na miña opinión é un bo libro, aínda que considero que nalgúns aspectos é mellorable."

Cristina de 2º A dinos que "nesta novela poden verse todas as etapas polas que pasa Galicia dende a ditadura de Primo de Rivera ata o final do franquismo." "Intramundi é un libro moi interesante para poder entender e aprender sobre as diferentes etapas da historia de Galicia do s. XX", di ela. "Pero tamén é algo difícil de comprender debido a que conta varias historias e non te dás conta ao principio. A parte disto, a min gustotume moito".
Ángel de 2º A opina, pola contra, que "é un libro moi irregular, xa que ao lelo era moi fácil perderse nalgunhas partes e noutras non era doado de entender debido ao barullo que se montaba coas analepses. Pero, con todo, é un libro que me gustou porque é como se formase parte de Galicia,xa que isto seguramente ocorreu nalgúns pobos.Se tivera que poñer unha nota numérica poñeríalle un 7".
Samuel de 2º A di: "Esta novela foi unha das mellores que lin, aínda que ao principio non me espertara demasiado interese debido á trama do barco por parte do cura. Logo, cando seguín coa miña lectura interesoume máis. Unha trama viña a consecuencia da outra e está todo moi relacionado.
Outro aspecto interesante é a división en distintas etapas da historia e como se interrrelacionan os personaxes con cada época. Hai unha grande tensión recreada polas distintas mortes que se van producindo. Ademais disto, tamén aparece o tema amoroso que lle dá á obra sentimento.
Resumindo, gustoume moito e penso que é doado de entender."

07/06/09

MORGÚN

Samuel de 4º B dinos:
"é unha historia que ten compoñentes típicos para que guste a persoas da miña idade: un mundo fantástico e mitolóxico, personaxes épicos, etc.
O interese do lector mantense polo ritmo narrativo intenso e constante que incita a curiosidade por coñecer como continúa cada capítulo, e polo suspense que mantén ata o remate".

SOBREVIVES?

Irene Lamas de 4º C, ao finalizar o libro, deixounos a súa opinión:
"A obra gustoume bastante. Ten unha parte que resulta algo monótona e aburrida, pero a medida que avanza a obra vai aumentando a acción. A historia é unha especie de redacción sobre os pensamentos dun rapaz de dezasete anos, unha reflexión persoal. O feito de que un rapaz manifeste unha crítica da súa situación e da dureza da vida, paréceme interesante.
O vocabulario é fácil e doado de entender. Utiliza expresións moi coloquiais e palabras pertencentes ao "argot" xuvenil.
Teño que recoñecer que lin obras moito mellores pero esta tampouco está tan mal".

POLAROID

Helena de 4ºB dinos o seguinte:
"Realmente sorprende a realidade que mostra cada unha das historias do libro e os seus protagonistas. Non é unha obra monótona posto que todos os relatos contan unha historia diferente e con personaxes distintos.
Quizais os relatos sexan demasiado curtos e, ás veces, podemos quedarnos coa intriga do que realmente ocorrería se soubesemos o final".

CORREDORES DE SOMBRA


Xoán Xosé de 4º B
dinos que lle gustou moito este libro no que Clara Soutelo, a protagonista, conta o que ocorreu no pazo onde vive coa súa familia.

"É o libro en galego que máis me gustou", di X.Xosé.

04/06/09

CRIME EN COMPOSTELA

Alberto de 4ºC cóntanos o argumento da obra e dános a súa opinión sobre a mesma.
"Como di o título, na obra cóntase a historia dun crime. Un home aparece morto nunha rúa da cidade de Compostela e a súa amante acode ao periodista Carlos Conde para que a axude a descubrir ao asasino. Carlos contactará cun compañeiro seu do Seminario, Nivardo Castro, que traballa como detective, e este acabará por descubrir o culpable.
Gustoume esta novela por dúas cousas: porque grazas a ela coñezo mellor Santiago, e porque ten un moi bo argumento e sempre me gustaron as novelas negras, e esta é moi boa.