07/06/09

MORGÚN

Samuel de 4º B dinos:
"é unha historia que ten compoñentes típicos para que guste a persoas da miña idade: un mundo fantástico e mitolóxico, personaxes épicos, etc.
O interese do lector mantense polo ritmo narrativo intenso e constante que incita a curiosidade por coñecer como continúa cada capítulo, e polo suspense que mantén ata o remate".

SOBREVIVES?

Irene Lamas de 4º C, ao finalizar o libro, deixounos a súa opinión:
"A obra gustoume bastante. Ten unha parte que resulta algo monótona e aburrida, pero a medida que avanza a obra vai aumentando a acción. A historia é unha especie de redacción sobre os pensamentos dun rapaz de dezasete anos, unha reflexión persoal. O feito de que un rapaz manifeste unha crítica da súa situación e da dureza da vida, paréceme interesante.
O vocabulario é fácil e doado de entender. Utiliza expresións moi coloquiais e palabras pertencentes ao "argot" xuvenil.
Teño que recoñecer que lin obras moito mellores pero esta tampouco está tan mal".

POLAROID

Helena de 4ºB dinos o seguinte:
"Realmente sorprende a realidade que mostra cada unha das historias do libro e os seus protagonistas. Non é unha obra monótona posto que todos os relatos contan unha historia diferente e con personaxes distintos.
Quizais os relatos sexan demasiado curtos e, ás veces, podemos quedarnos coa intriga do que realmente ocorrería se soubesemos o final".

CORREDORES DE SOMBRA


Xoán Xosé de 4º B
dinos que lle gustou moito este libro no que Clara Soutelo, a protagonista, conta o que ocorreu no pazo onde vive coa súa familia.

"É o libro en galego que máis me gustou", di X.Xosé.

04/06/09

CRIME EN COMPOSTELA

Alberto de 4ºC cóntanos o argumento da obra e dános a súa opinión sobre a mesma.
"Como di o título, na obra cóntase a historia dun crime. Un home aparece morto nunha rúa da cidade de Compostela e a súa amante acode ao periodista Carlos Conde para que a axude a descubrir ao asasino. Carlos contactará cun compañeiro seu do Seminario, Nivardo Castro, que traballa como detective, e este acabará por descubrir o culpable.
Gustoume esta novela por dúas cousas: porque grazas a ela coñezo mellor Santiago, e porque ten un moi bo argumento e sempre me gustaron as novelas negras, e esta é moi boa.

A BANDA SEN FUTURO

Olalla de 4ºC explícanos por qué decidiu ler este libro e danos a súa opinión para animar a outros lectores a lelo:
"O título do libro e o resumo da contraportada foron os que me fixeron escollelo. O título porque pode ser dun grupo musical e a min gústame moito a música, e logo no resumo vin que o tema vai enfocado cara aos adolescentes e pensei, ben, polo menos poderei opinar de algo relacionado con temas que me poden pasar a min. Tamén valorei o feito de que a novela transcorrese na actualidade, xa que así podía entender mellor a linguaxe que utilizaría a autora en referencia ás actividades dos protagonistas.
A novela transcorre aquí, nunha cidade de Galicia, e case podería pasar no noso instituto, e calquera dos personaxes poderían ser os meus compañeiros. En fin, pareceume interesante.
Conforme a ía lendo vía moitas das preocupacións típicas da adolescencia. O título xa é unha, o futuro. A esta idade non sabemos o que vai ser de nós, se estudaremos unha carreira ou non, se atoparemos traballo despois de facela...Hoxe en día ninguén ten claro iso, mesmo tendo unha verdadeira vocación, por iso no libro reflíctese o futuro como algo negativo, non ve a protagonista clara a súa saída. Pensamos: escollerei ben o que vou facer, equivocareime?... É todo un dilema. E ocorre aos 16 anos, xusto cando o que máis che apetece é pasalo ben, descubrir o mundo, o amor e o desamor, como lle ocorre a Carlota, porque do fracaso din que é de onde verdadeiramente se aprende.
Algo que tamén transmite a narración a través da protagonista é a importancia da imaxe, que nos vén marcada pola publicidade.
Finalmente tamén resaltaría o problema da incomunicación entre pais e fillos.
En resumo, a novela non só nos atrae pola súa lectura agradable senón que dá pé á reflexión, e creo, como di un dos personaxes que "o futuro non é algo que se vexa. Está agardando que o escribamos e ata que non o escribamos non o podemos ler (...) Unha parte do que nos pase ni futuro depende de nós."
Laura M. de 4ºC di:
"Penso que a obra está moi ben escrita, xa que é comprensible para todo o mundo e moi doada de ler. Considéroa entretida. Gústame a forma que emprega a autora para describir o estado de ánimo de Carlota e as súas experiencias na escola. É un libro que recomendaría para ler xa que non resulta pesado. É un dos libros que les por pracer en lugar de por obriga."

03/06/09

CONTA SALDADA

Ricard de 4º B dinos o seguinte deste libro:
"Gustoume a obra, en especial polas personaxes principais, Catuxa e Xermán, que son dous rapaces normais e correntes que da noite á mañá pasaron de seren nenos a seren adultos. A diferenza entre os dous ambientes nos que se moven as personaxes non é un impedimento para a súa boa relación. Xermán, ao final acaba preocupándose por Catuxa, mesmo arriscando a súa vida e matando a un home por ela."
Tamén me gustou pola linguaxe sinxela e actual utilizada polo autor, que é fácil de entender."
Raquel de 4ºC tamén leu este libro e di que "é unha das novelas que máis me gustou de todas as que lin. É entretida por ser de acción e non podes quedar coa intriga de que vai pasar. Tamén é fácil de ler xa que non usa cultismos nin dialectalismos."
Rubén de 4ºB opina o seguinte:
"A min gustoume o libro xa que é intrigante e moi emocionante. Ademais trata dos problemas da actualidade reflectidos en dou rapaces".

DOS ARQUIVOS DO TRASNO

Xosé Antonio de 4ºB que acaba de ler o libro, déixanos a súa opinión:
"Este libro gustoume moito porque non é sempre a mesma historia, senón que son historias totalmente diferentes. Ademais Rafael Dieste neste libro une o mundo da realidade e da lóxica co mundo da fantasía, e a forma de contalo e os temas das historias fan que o libro pareza moito máis próximo a nós.
Todos os contos xiran arredor dunha personaxe que sempre ten un momento de máxima tensión. Estas personaxes (nenos, mariñeiros, vagamundos...) amosan a sociedade galega daquel tempo.
Sorprendeume que nos contos sempre se falara da morte ou do mar. A morte (representada con ataúdes, suicidios...) é o tema máis repetido no libro e en segundo lugar está o tema do mar (barcos, mariñeiros...) quizais porque o autor naceu en Rianxo."
Iván de 4ºB di que "o libro é entretido e ten unha linguaxe fácil de entender. O autor mostra no libro as facetas da vida da época e retrata a Galicia rural do seu tempo.En resumo, o libro gustoume e recoméndollo ás persoas que cren que somos inferiores por utilizar a lingua galega en todos os ámbitos como fan noutras comunidades autónomas."
Xabier de 4ºB di que lle pareceu "unha obra moi entretida poruqe está composta por contos diferentes.O que máis me gustou del foi a forma na que o autor nos conta cada conto, introducíndonos nel mediante os personaxes. Estes personaxes soen estar caracterizados por unha tristeza que sofren ou ben pola morte ou abandono de alguén".
María de 4ºB di "a min a obra gustoume. Os relatos son amenos e interesantes e non utiliza unha linguaxe complicada. Unha pega que lle vexo é que son moios relatos e moi curtos e a min gustaríame máis se fosen menos relatos e máis longos".

CARTAS DE INVERNO

Iria de 4ºC dinos o seguinte:
"O libro gustoume moito. Pareceume doado de ler xa que ten un vocabulario moi axeitado para a nosa idade e non utiliza palabras excesivamente cultas ou pouco coñecidas. O libro logra manter a intriga que o caracteriza ata o final e transmite ao lector o sentimento de terror que senten os personaxes en numerosas ocasións. Ademais conta cun final inesperado e pouco común, non é como todos os libros que sempre acaban cun final feliz, non, remata sen que o lector saiba o que pasa cos protagonistas, como deixando a obra sen rematar. Eu recomendaríao."
Patricia de 4º B di:
"Gustoume moito o libro porque ata a última páxina vaise mantendo a introga e o misterio".

01/06/09

A COVA DAS VACAS MORTAS

Antía de 4º C recoméndanos a todos o libro de Jaureguizar:

"Gustoume moito porque narra a complicada vida dun mozo que ten unha nai traficante de marihuana e drogata. Apaixonoume a idea de como o rapaz coidaba do seu avó enfermo de Alzheimer. Púxome os pelos de punta saber que o avó filmaba películas nazis, porque estes fixéronlle moito dano á xente. Estou de acordo con Xoel en querer marchar da casa porque súa nai lle dicía que non traía máis ca gastos e problemas, e ela gastaba os seus cartos en beber e drogarse cos amigos.
Encantoume a historia de amor que hai entre Xoel e Iria, índa que ó principio non se levaban moi ben (pero os polos opostos atráense). Ó final Xoel cumpre o seu soño e vaise con Iria nun petroleiro."