04/06/09

A BANDA SEN FUTURO

Olalla de 4ºC explícanos por qué decidiu ler este libro e danos a súa opinión para animar a outros lectores a lelo:
"O título do libro e o resumo da contraportada foron os que me fixeron escollelo. O título porque pode ser dun grupo musical e a min gústame moito a música, e logo no resumo vin que o tema vai enfocado cara aos adolescentes e pensei, ben, polo menos poderei opinar de algo relacionado con temas que me poden pasar a min. Tamén valorei o feito de que a novela transcorrese na actualidade, xa que así podía entender mellor a linguaxe que utilizaría a autora en referencia ás actividades dos protagonistas.
A novela transcorre aquí, nunha cidade de Galicia, e case podería pasar no noso instituto, e calquera dos personaxes poderían ser os meus compañeiros. En fin, pareceume interesante.
Conforme a ía lendo vía moitas das preocupacións típicas da adolescencia. O título xa é unha, o futuro. A esta idade non sabemos o que vai ser de nós, se estudaremos unha carreira ou non, se atoparemos traballo despois de facela...Hoxe en día ninguén ten claro iso, mesmo tendo unha verdadeira vocación, por iso no libro reflíctese o futuro como algo negativo, non ve a protagonista clara a súa saída. Pensamos: escollerei ben o que vou facer, equivocareime?... É todo un dilema. E ocorre aos 16 anos, xusto cando o que máis che apetece é pasalo ben, descubrir o mundo, o amor e o desamor, como lle ocorre a Carlota, porque do fracaso din que é de onde verdadeiramente se aprende.
Algo que tamén transmite a narración a través da protagonista é a importancia da imaxe, que nos vén marcada pola publicidade.
Finalmente tamén resaltaría o problema da incomunicación entre pais e fillos.
En resumo, a novela non só nos atrae pola súa lectura agradable senón que dá pé á reflexión, e creo, como di un dos personaxes que "o futuro non é algo que se vexa. Está agardando que o escribamos e ata que non o escribamos non o podemos ler (...) Unha parte do que nos pase ni futuro depende de nós."
Laura M. de 4ºC di:
"Penso que a obra está moi ben escrita, xa que é comprensible para todo o mundo e moi doada de ler. Considéroa entretida. Gústame a forma que emprega a autora para describir o estado de ánimo de Carlota e as súas experiencias na escola. É un libro que recomendaría para ler xa que non resulta pesado. É un dos libros que les por pracer en lugar de por obriga."

Sem comentários:

Enviar um comentário