Despois de LER A Esmorga e de VER a adaptación que fixo dela Gonzalo Suárez para o cine sobre un guión de Blanco Amor, algúns alumnos da ESO de 4º B e 4ºC déixannos as súas opinións:
Olalla de 4ºC dinos que
"Non hai que considerar que a película sexa unha recreación fiel do libro, xa que o director prescinde dos dous narradores e adaptou á película distintas pasaxes da novela que foron as que considerou máis impactantes para o cine.
A caracterización dos personaxes é positiva, deixando ver o mundo de miseria das clases baixas e a riqueza e a decadencia da fidalguía.
Boto en falta o narrador-protagonista, Cibrán, xa que coas súas aclaracións na novela, parece máis humano que na película, e ademais permítenos saber algo máis da súa vida e da vida das persoas que o rodean.
En conxunto, a historia dos esmorgantes é totalmente realista: os feitos que se narran son atemporais, é dicir, unha esmorga deste tipo pode ocorrer antes e agora; como vemos moitas veces nos medios de comunicación, moitas festas da fin de semana rematan traxicamente, e case todas debidas ao exceso de alcohol e drogas; por isto, vémola cercana, aínda que hoxe en día os "personaxes" sexan máis novos que os presentados, e non pertenzan a unha clase social baixa; agora isto non nos collería de sorpresa.
O relato é descarnado, pero fala da realidade que lles tocaba vivir a eles naquela época na que a maioría da xente carecía de posibilidades económicas, como é o caso dos tres esmorgantes.
Parece que Blanco Amor creou estes personaxes para poder representar a sociedade galega do derradeiro terzo do s. XIX e as grandes diferenzas que existían nela.
EU RECOMENDARÍA A SÚA LECTURA MÁIS QUE O SEU VISIONAMENTO."
Noemí de 4ºC di:
"Gustoume moito máis o libro, porque o autor non describe moito as escenas e deixa libre a imaxinación do lector. Ademais no libro pódese coñecer a historia enteira, xa que a película é un resumo. Tamén o final da película é desconcertante, porque non se coñece o que sucede. Pola contra, no libro si se sabe, aínda que se remarca que son rumores e que ao mellor non é verdade.
O que máis me gustou da película foi que se diferencia mellor o que di cada personaxe, xa que no libro ás veces pódelos confundir ou podes perderte nalgunha conversa. Ademais pódeste facer unha idea máis grande sobre o que se está a contar no libro.
Con todo, a min gustoume moito máis o libro. Despois de ler a historia a película decepcionoume un pouco, porque non me transmitiu nada, ao contrario do libro."
Helena de 4ºB opina que
"A película presenta un ambiente demasiado agobiante e estraño, mentras que na novela parece máis sosegado e algo máis tráxico. Ademais a novela caracterízase por un gran detallismo, algo que na película non se pode aprezar.
Penso que a película debería parecerse máis ao libro porque sería moito máis fácil decatarnos do que ocorre e onde ocorre a historia."
Xosé Antonio de 4ºB di:
"A película gustoume, aínda que penso que hai escenas que sobran e outras que serían necesarias, e que no libro aparece todo mellor contado.
Non imaxinaba así os personaxes; imaxinaba a Bocas maior que Milhomes e a este máis delgado, aínda que Cibrán si me parece que está ben representado porque aparece como unha persoa nova e moi tímida. Cibrán, ao igual que na película cumpre a súa palabra, nunca deixa só aos seus amigos e é sincero.
Da película o que non me gustou foi que non estivese ambientada en Auria e a trasladase a Asturias, apartando así a acción de Galicia e non aparece así con detalle a cidade de Auria."
Rubén de 4ºB opina o seguinte:
"A min gustoume máis o libro que a película, xa que detalla os distintos aspectos máis minuciosamnte, cousa que a película non fai."
Maria de 4ºB opina:
"A min a película pareceume un pouco aburrida, pero creo que é porque xa lera antes a novela e pareceume interesante e entretida."
Samuel de 4ºB di:
"O libro gustoume moito máis cá película tal vez porque xa tiña unha idea feita sobre os personaxes, os lugares, etc. e o film rompeuma, xa que introduce bastantes cambios; algúns deles, na miña opinión, non deberían ter sido introducidos."
Ricard de 4ºB di:
"Gustoume máis a novela, posto que eu ao ler o libro imaxinara as cousas doutra maneira, e ademais a novela transcorre en moitos máis lugares que a película.
Iria de 4ºC opina:
"Gustoume máis a novela porque conta as cousas de maneira máis detallada. Por exemplo, o que sucedeu no pazo dos Andrada vese máis claro na novela, na película non quedou moi claro, non se sabía se eran alucinacións, se era unha boneca..., non deixaba claro ese suceso.
O remate da película tamén resulta un pouco dubitativo: na novela, ademais da morte de Milhomes, cóntase a de Bocas e a de Cibrán, mentres que na película parece como se cortaran o final ou que quedara sen rematar.
Na miña opinión a novela é máis explicativa e máis detallada; nela as cousas son máis doadas de entender."
Alberto de 4ºC di:
"Gustáronme as dúas, tanto a novela como a película, aínda que por outra parte, creo ue na película se pode aprezar mellor o ambiente hostil e duro no que se moven. Pero, por outro lado, creo que o final queda moito máis claro na novela con respecto á morte de Milhomes mentres que no caso de Cibrán nin na novela nin na película se pode saber con absoluta certeza."
Irene L. de 4ºC opina que
"A novela gustoume bastante, xa que nela se suceden unha seire de accións que chaman a atención do lector. Mais, cabe dicir, que a película decepcionoume un pouco, pois non había esa claridade na descrición dos feitos. Non obstante, a caracterización dos personaxes da película adáptase moi ben ao libro, pero falta esa sensación de pesadume, de tristura, que contrasta co bo humor que posúen os protagonistas (nas máis das veces). Para o meu gusto está mellor a novela cá adaptación cinematográfica."
Clara de 4ºC di:
"A adaptación do libro á película está bastante ben. O que eu cambiaría sería algunha escena demasiado violenta, polo demais está aceptable, aínda que prefiro o libro porque nel se reflicten as cousas dende o punto de vista dun personaxe e é como se estiveses na súa pel, e iso é algo que na película non se pode conseguir."
Laura de 4ºC di:
"O libro en xeral pareceume entretido. Por un lado ten unha lectura doada, xa que está elaborado cun vocabulario sinxelo. Por outra parte, ao cambiar constantemente os lugares e os feitos, e non centrarse na descrición de lugares nin enrevesarse con historias paralelas, pareceume un bo libro. É un libro que podes ler por gusto máis que por obriga."
Darío de 4ºB opina:
"A obra gustoume moito, xa que se mantén a intriga ata o final, e é entretida. Aparecen expresións con humor durante toda a novela e a descrición dos lugares que visitan as persoas é moi detallada. Tamén me gustou a cantidade de cousas que ocorren inesperadamente, sobre todo ao final, que resultou bastante tráxico. O único inconvinte é o léxico, xa que hai bastantes palabras que non se usan actualmente, aínda que se pode deducir o significado facilemente. Pero non podo dicir o mesmo da película, xa que, en realdade, decepcionoume un pouco, en comparación co libro."
Cristina de 4ºB di:
"Gustoume moitísimo máis ver a película, xa que hai detalles que cando lin a novela non me percatei e coa película entereime. Pero, por outra parte, a novela dá máis detalles acerca dos personaxes, que a min me parece fundamental."
Andrés de 4ºB di:
"En principio a película é fiel ós personaxes e feitos que se narran na obra de Blanco Amor. Os actores fan ben o seu papel e caracterizan ó personaxe que está a interpretar como aparece indicado no libro. A novela e máis a película gustáronme. A novela é fácil de ler e entender. A película, ao parecerse e seguir a novela, é entretida e fácil de comprender."
Sem comentários:
Enviar um comentário